Antonio Rodríguez Troitiño presenta un programa con 20 propostas
para mellorar o automobilismo galego
Compromete transparencia na xestión, maior pluralidade e participación
nos órganos de decisión, abaratar os custos para os deportistas
e as escuderías, reforzar a formación e restablecer as relacións
institucionais
O Candidato de Xeración-RenovaFGA amósase “plenamente convencido
das opcións de vitoria” e anima “aos que queiran cambio,
a votar o día 1 para acabar cunha federación que manexa Iván
Corral con e para algúns privilexiados”
O candidato de Xeración-RenovaFGA á presidencia da Federación
Galega de Automobilismo (FGA), Antonio Rodríguez Troitiño, fixo
público hoxe o seu programa electoral cun documento de 24 páxinas
que recolle 20 propostas concretas para “mellorar o automobilismo galego”
e “rematar con preto de 40 anos de presidencia de Iván Corral e
coa súa deriva errática, escurantista e individualista nos últimos
tempos”.
Rodríguez Troitiño asegura que os 20 compromisos da candidatura
de Xeración-RenovaFGA responden aos “piares xerais” de transparencia
na xestión dos cartos de todos, abaratar os custos para os deportistas
e as escuderías, garantir a seguridade dos participantes e do público
asistente ás probas, dotar á FGA de órganos máis
plurais e participativos, traballar na formación dos deportistas, técnicos
e organizadores e restablecer as relacións institucionais coas Administracións
Públicas, con outras federacións e co tecido empresarial.
Aínda que algúns puntos do programa xa foran avanzados nas redes
sociais, o documento presentado hoxe debulla e explica cada unha das 20 propostas:
instaurar a transparencia como eixo transversal da xestión; actualizar
os estatutos da FGA para incorporar novas garantías democráticas
e limitar os mandatos da presidencia a un máximo de oito anos; recuperar
o diálogo e o entendemento institucional; trasladar a sede da FGA a un
lugar céntrico, ben sexa Santiago ou o seu hinterland; e avanzar na modernización
e dixitalización da federación para que sexa máis áxil
e eficaz. Outros compromisos adquiridos son abaratar a práctica do automobilismo
en Galicia, coordinar un calendario estable que minimice a duplicidade de probas,
restruturar a xestión das licenzas, crear o Carné d@ afeccionad@,
aportar a máxima claridade na xestión e cobertura dos seguros;
crear a Escola Galega de Automobilismo; captar máis fondos externos a
través de subvencións e patronicios; implantar a figura do director
deportivo na federación; crear novos campionatos; potenciar as copas
de promoción; organizar finais de temporada máis atractivos; melloras
específicas para as modalidades de karting, autocross, rallyes, montaña,
slalom e rallymix; crear unha Comisión de promoción e marketing
para mellorar a difusión do automobilismo galego; suprimir os coeficientes
en todas as modalidades; e involucrarse e apoiar a construción do Circuíto
Galego de Velocidade se a conxuntura socioeconómica permite retomar este
proxecto.
O candidato de Xeración-RenovaFGA á presidencia amósase
“plenamente convencido das opcións de vitoria” e anima “a
todos os que queiran cambio, a votar libremente o día 1 de novembro para
acabar cunha federación que manexa Iván Corral con e para algúns
privilexiados”. “Ata o último día da campaña
imos seguir traballando para explicar este programa electoral e para garantir
que haxa un proceso electoral democrático e ecuánime”, destaca
Troitiño.
PROGRAMA XERACION-RENOVA FGA