"O Comité Galego de Xustiza Deportiva exclúe do censo electoral 
  a 15 das 20 escuderías recurridas. 
Antonio Rodríguez Troitiño afirma que “Iván Corral 
  está cada vez máis acorralado” e salienta que esta resolución 
  “é unha bofetada á dirección da FGA e, especialmente, 
  á Xunta Electoral, que debería ser imparcial e obxectiva” 
O grupo de Xeración-RenovaFGA aínda valora a posibilidade de 
  recurrir ao contencioso-administrativo por estar “en desacordo” 
  coa admisión de varias das cinco escuderías aceptadas 
O Comité tamén acordou levantar a suspensión do proceso 
  electoral e ordear a súa continuidade “conforme o previsto na norma” 
“O pleno do Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) acordou 
  estimar parcialmente os recursos presentados por Antonio Rodríguez Troitiño 
  e Alfonso García Eiriz contra a inclusión “irregular” 
  de 20 escuderías no censo provisional elaborado pola Federación 
  Galega de Automobilismo (FGA) e resolveu excluír a 15 desas escuderías 
  por incumprir os requisitos establecidos no Regulamento Electoral para poder 
  votar. 
As 15 escuderias excluídas son Amigos do Motor, AKFM, Squadra Racing/Club 
  Trukart Motorsport, As Burgas, Fraguas Sport, Taboadela, Amoeiro, Boxes Competición, 
  Historic Motorsport, Team Medical, Gonzasport Competición, Segade, Sohers 
  Competición, ACSM Rally Team e AMF. Pola contra, as outras cinco escuderías 
  que o CGXD considera aptas para figurar no censo electoral son Miño, 
  Galaica de Eventos, Sermovil Barreiros Competición, Amsport Rallye Team 
  e Charli Romeo. 
O voceiro de Xeración-RenovaFGA e futuro candidato á presidencia 
  da FGA, Antonio Rodríguez Troitiño, considera que tras esta resolución 
  do comité “Iván Corral está cada vez máis 
  acorralado”, xa que é “unha bofetada á actual dirección 
  da federación e, especialmente, aos integrantes da Xunta Electoral, que 
  deberían actuar con imparcialidade e obxectividade e non adoptando a 
  sabendas decisións contra a norma para favorecer claramente á 
  candidatura do presidente”. 
En relación ás cinco escuderías que foran recurridas e 
  que o comité admitiu, Rodríguez Troitiño sinala que no 
  seo de Xeración-RenovaFGA aínda se está a valorar a posibilidade 
  de presentar un recurso contencioso-administrativo porque “polo menos 
  hai tres casos das cinco escuderías que parecen máis que discutibles 
  e cos que estamos en desacordo”. 
Continuidade do proceso electoral 
Por outra banda, o Comité Galego de Xustiza Deportiva tamén decidiu 
  levantar a suspensión provisional do proceso electoral e ordearlle á 
  FGA a súa continuidade “conforme o previsto na norma”. Neste 
  senso, Antonio Rodríguez Troitiño agarda que a FGA e a Xunta Electoral 
  “aclaren o antes posible en que modo afecta esta exclusión de 15 
  escuderías ás porcentaxes dos diferentes estamentos e, sobre todo, 
  aos prazos establecidos no calendario electoral”. “Entendemos que 
  o prazo de solicitude de voto por correo deberá ampliarse ao verse interrompido 
  pola suspensión do proceso electoral”, sinala.”