INFORMACIÓN
ANUNCIANTES
PROVINCIA:
NOTICIAS · NOTICIAS
NACE XERACIÓN-RENOVA FGA.
NOTA DE PRENSA.

 

Antonio R. Troitiño e Alfonso García unifican as súas candidaturas nunha “alternativa gañadora” que acabe con 40 anos de Iván Corral como presidente.

“ Xeración-RenovaFGA é un paso adiante para configurar unha alternativa aínda máis sólida que busca un automobilismo diferente, máis transparente, máis participativo e máis barato e asequible para escuderías e deportistas”, aseguraron.

Anticiparon que a curto prazo centraranse en “traballar o censo electoral, para filtrar moitas escuderías e deportistas que aparecen e non poderían estar e outros que faltan e si deberían figurar”.


O candidato de RenovaFGA á presidencia da Federación Galega de automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, e o candidato de XeraciónFGA, Alfonso García Eiriz, escenificaron esta mañá a decisión de unificar ambas candidaturas nun único grupo de traballo que sexa “unha alternativa gañadora” para afrontar as votacións dos membros da asemblea que se celebrarán o día 9 de outubro e a elección do presidente o día 4 de decembro.

“Desde hoxe comezaremos a traballar unidos como Xeración-RenovaFGA para acabar con cerca de 40 anos de réxime de Iván Corral como presidente, cun funcionamento totalmente personalista, tremendamente opaco e cada vez máis alonxado dos verdadeiros protagonistas deste deporte, que son fundamentalmente as entidades organizativas, os pilotos e copilotos, e os afeccionados”, aseguraron en rolda de prensa.

Segundo explicaron, esta fusión de ambas candidaturas “é froito de moitos puntos de coincidencia sobre os cambios que é preciso implementar na federación” e do “diálogo fluido e constante” que Antonio Rodríguez Troitiño e Alfonso García viñan
mantendo desde hai meses, a pesares de traballar ata agora de forma completamente independente.

“Xeración-RenovaFGA é un paso adiante para configurar unha alternativa aínda máis sólida que busca un automobilismo galego diferente, máis transparente, máis participativo e máis barato e asequible para as escuderías e para os deportistas”,
explicaron.


Respecto aos seus respectivos roles na candidatura unificada, anticiparon que Antonio Rodríguez Troitiño encabezará o grupo de traballo, contando co respaldo de Alfonso García como segundo máximo responsable do mesmo. A nivel operativo, nos vindeiros días irán unificando tamén os grupos de traballo e cuestións como a imaxe corporativa ou as canles de comunicación “para proxectar unha imaxe única, unida e máis forte”.

En canto ó labor máis inmediato, ambos avanzaron a necesidade de “traballar o censo electoral, para filtrar moitas escuderías e deportistas que aparecen e non poderían estar e outros que faltan e si deberían figurar”. “O obxectivo é depurar o censo elaborado por Iván Corral para garantir que o proceso electoral sexa limpo e transparente, sen ningún tipo de manipulación que poida adulterar o resultado”, destacaron.

MOTORGALLEGO.COM ·Mail: info@motorgallego.com·