O Concello de Cabanas invita á cidadanía a coñecer os beneficios
do coche eléctrico sobre o medio ambiente.
Poderán conducir tres vehículos o venres 8 de setembro no paseo
da Madalena, acompañados de especialistas neste transporte “verde”.
A iniciativa promovida pola Concellería de Medio Ambiente conta co respaldo
de firmas como Nissan, Mercedes Benz ou BMW.
Cabanas, 4 de setembro de 2017.
O Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente, invita
a coñecer as vantaxes do coche eléctrico nunhas xornadas que terán
por escenario o paseo da Madalena. Celebraranse o venres 8 de setembro, entre
as 17 e as 20 horas. Alí, veciños e veciñas poderán
probar un dos tres vehículos que o Concello pon á súa disposición
grazas á colaboración das firmas Nissan, Mercedes Benz ou BMW.
Acompañados dun especialista neste tipo de turismos, veciños
e veciñas poderán conducir os vehículos, comprobando os
seus beneficios, ademáis de recibir as explicacións correspondentes
sobre o seu funcionamento. Darán conta das razóns polas que o
coche eléctrico é un medio de transporte “verde”,
moi respectuoso co medio. Dunha banda, ó non depender de combustibles
fósiles e, doutra, polo seu nulo impacto acústico e cero emisións
á atmósfera.
Superadas as limitacións en canto a autonomía e potencia coas
que naceu, trátase dunha opción ecolóxica que día
a día gaña usuarios. Así mesmo, a ese respecto medio ambiental
súmanse tamén factores positivos para o propietario, como o aforro
económico respecto a aqueles que precisan de combustible e o menor mantemento.
Así mesmo, lémbrase que este tipo de vehículos contan
en Cabanas cunha bonificación no imposto de rodaxe do 25%.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.